VINDEL: ULOBIT+. Variacións sobre as cantigas do Pergamiño Vindel

Venres 2 de febreiro de 2018. 20:30 h
Museo do Mar de Galicia. Vigo

“Vindel: Ulobit +” é un espectáculo arredor do Pergamiño Vindel deseñado polo trío Ulobit con catro artistas convidados nunha linguaxe contemporánea que mistura vídeo, música, poesía e danza. A proposta, creada especialmente para este concerto, é unha recomposición das sete cantigas de Martín Códax contidas no Pergamiño Vindel, exposto publicamente a escasos metros de onde este espectáculo ten lugar. O resultado é unha actuación ao vivo que non se repetirá, un concerto inmersivo con son, imaxe, luz, movemento e palabra.

O fito fundamental do “Vindel” é ser o primeiro -e case único- exemplo coñecido de cantigas de amigo en galego con notación da melodía coa que se interpretaba. Só se coñecían as músicas Cantigas de Santa María de temática relixiosa. Ademais o “Vindel” é unha folla voante, un especimen solto que non formaba parte de ningún Cancioneiro, compilacións de cantigas onde se conserva o grande corpus coñecido da lírica medieval en galego, nos que tamén se atopan as sete cantigas de Martin Códax, sen música transcrita.

O Pergamiño Vindel está exposto ao público durante uns meses en Vigo por primeira vez desde que foi descuberto no 1914 en Madrid polo libreiro Pedro Vindel e revelado na súa importancia polo filólogo redondelán Vítor Said Armesto. A oportunidade de ter preto de nós este xoia bibliográfica é unha razón poderosa para Ulobit facermos unha interpretación dun obxecto conservado do século XIII e actualizalo no século XXI. Ulobit desenvolvemos proxectos sobre memoria e patrimonio do local ao global desde que comezamos a traballar a trío no 2011 (Vikingland, Campo Lameiro, Ulobit dança,... ) e individualmente nos ámbitos persoais (Escoitar.org ou aCentral Folque).

O concerto pivota sobre tres conceptos: o soporte material (o pergamiño), a transmisión de melodías (a partitura) e o contido literario (as cantigas). O fío que o conduce segue a organización do “Vindel”, unha sucesión de cantigas que conforman un “macrotexto”, un ciclo de cancións cun sentido unitario e organizado arredor do concepto do “canto de espera decepcionada”, xénero frecuente tratado polas literaturas occidentais -e a lírica galega en particular.

Seguimos a teoría do filólogo Guiseppe Tavani (“Para unha lectura das cantigas de Martin Códax” en Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas! Coord. Galaxia, Vigo, 2014) quen di que as composicións de Códax revelan distintas fases dun mesmo discurso narrativo. Os elementos chave para a nosa interpretación saen das constantes do texto: voz protagonista feminina, ausencia do amigo, invocación ao mar de Vigo, desesperanza por un desexo incumprido (o regreso do namorado que foi servir a El Rei), danza senlleira no adro da igrexa de Vigo, etc. Agora nós contaremos esta historia ao noso xeito.

Ulobit, Santiago de Compostela, 2018.

PROGRAMA

  • Preludio

    O que non conta Martín Códax: o namorado marchou navegando mar afora.

  • 1. Ondas do mar de Vigo

    O mar.
    Invocación a un mar bravo na ría de Vigo. O amigo xa partiu e a namorada devece polo seu regreso cedo.

  • 2. Mandad’ei comigo

    O desexo.
    Ela vai até Vigo para agardar polo seu amigo que foi servir a El Rei, tal vez nunha expedición militar.

  • 3. Mia irmana fremosa

    A espera esperanzada.
    Pide á irmán que a acompañe canda súa nai na espera na igrexa de Vigo.

  • 4. Ai Deus, se sab’ora meu amigo

    A certeza da soidade.
    A partir desta cantiga, as formas verbais mudan do tempo futuro ao presente, a namorada toma consciencia de que o amado non volta. E fica chorando soa e sen ninguén que a coide.

  • 5. Quantas sabedes amar amigo

    A compaixón.
    Exhortacións dirixidas a todas as mulleres namoradas para que a acompañen na súa espera.

  • 6. Eno sagrado en Vigo

    A desesperanza.
    Cantiga que non ten notación musical transcrita. A namorada baila unha danza da soidade no adro da igrexa de Vigo.

  • 7. Ai ondas que eu vin veer

    A pregunta sen reposta.
    O ciclo péchase coa invocación ás ondas para que revelen a demora do amigo.

ULOBIT

  • ARIEL NINAS http://arielninas.wordpress.com/
    Zanfonista que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental. Desenvolve unha actividade regular con aCentral Folque na produción cultural. Formou parte da OMEGa -Orquestra de Música Espontánea da Galiza- e actualmente toca en diversos proxectos coma Ulobit; “Cantos de Cego da Galiza e Portugal” con César Prata e “Do Natal aos Reis” a trio tamén con Catarina Moura. Ten traballado en diversos projectos con músicos recoñecidos coma Fred Frith, Michael Fisher, Marcos Suzano ou Germán Coppini. Coa compañía de danza Traspédiante parte do elenco e gravou a súa banda sonora, “Habelas”, premio Injuve 2010.
  • HORACIO GONZÁLEZ http://www.vhplab.net
    Licenciado en Belas Artes e profesor de Educación Plástica e Visual en Secundaria. Coordina o festival de arte, música e tecnoloxía IFI (entre 2002 e 2004) e forma parte dos colectivos VHPlab (dende 2005), Escoitar.org (entre 2006 e 1016). Na actualidade imparte clases no Mestrado para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria na Universidade de Vigo; forma parte do grupo Ulobit e desenvolve un proxecto de acción crítica chamado Agentes del Caos con Ania González.
  • XOAN-XIL LÓPEZ http://www.unruidosecreto.net
    Musicólogo e artista sonoro. Realizou a súa tese Sinal/ruído. Algúns usos da paisaxe sonora no contexto da arte, centrada no uso de sons ambientais na creación artística contemporánea -estética e procesos culturais-. Desenvolveu varias investigacións tanto no campo da etnomusicoloxía como no da música contemporánea e ten colaborado como comisario para festivais como Curtocircuíto ou Sons Creativos e para publicacións como MASE. Tamén foi membro do colectivo Escoitar.org e forma parte dos proxectos Mediateletipos, Ulobit (improvisación) ou Voltage Opposite (danza) e colabora co conxunto contemporáneo Vertixe Sonora e co grupo de experimentación Härvol.

ARTISTAS CONVIDADAS

  • LUCÍA MARTÍNEZ http://www.lucimartinez.com/
    Batería, percusionista, improvisadora, compositora, produtora de bandas sonoras, directora artística do festival de Jazz Imaxina Sons e nai. Residente en Berlín, dona dunha linguaxe persoal inconfundible, líder de proxectos como o Lucía Martínez Cuarteto, Lucía Martínez & The Fearless e o selo e productora Pasoancho. Colabora con artistas do ámbito da improvisación e o jazz, así como con proxectos de teatro e performance. Titulada Superior en Percusión Clásica no CSMV, en Jazz polo Instituto Politécnico de Oporto. Master en Jazz pola Universidad das Artes de Berlín e Máster en Música de Cine na Universidad do Cinema Konrad Wolf.
  • FERNANDO ABREU www.sondous.com
    Membro do Cuarteto Caramuxo, DOUS, Banda Crebinsky e profesor de música no IES Salvaterra de Miño. Titulado en Clarinete polo RCSM Madrid, especializado en interpretación de Clarinetes Históricos polo Koninklijk Conservatorium da Haia (Holanda), Música Tradicional Galega pola USC e Etnomusicoloxía pola Universidad de Valladolid. Foi membro do Ensemble de Música Contemporánea do CGAC e da OMEGA. Así mesmo, é colaborador habitual de Mercedes Peón e convidado en gravacións e concertos dunha gran cantidade de artistas galegos.
  • ANXELA BLANCO http://anxelablanco.org/creaciones/
    Leva algo máis de dez anos navegando nas artes vivas e da escena cun pé na educación, na crianza e nas artes aplicadas a ela. Traballa de xeito continuado ou puntual para compañías e artistas como Elefante elegante, Mónica de Nut, Fredi & Cia, Entremans, Os Bolechas... na maioría como intérprete ou bailadora, mais tamén acompañando na dirección ou coreografía. Desenvolve proxectos escénicos e performativos como "Olivia necesita verán" , "Ulises e a nena durmida" ou “FUME”, premio co Injuve á creación escénica xoven e o Emprendedoras da UDC. Forma parte da cooperativa galega Rexenerando.
  • ALBA MARÍA http://artistas.folque.com/alba-maria/
    Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Graduada en Lingua e Literatura Galegas. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, e publica o seu primeiro disco: “Aínda” (aCFolque, 2014). No eido da regueifa imparte por toda Galicia diversos obradoiros e concertos destinados á infancia e ao ensino medio. Colabora co proxecto Regueifesta. Publicou Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, o primeiro monográfico sobre a regueifa de Bergantiños. Actualmente imparte Regueifa e Improvisación Oral na Escola de Música Popular e Avanzada d’aCentral Folque.